sábado, 8 de mayo de 2010

O HÓRREO DE ADELÁN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

A miudo os historiadores, na procura da información mais valiosa, consideramos como datos de relevancia aqueles que se gardan en inventarios, catálogos, rexistros arqueolóxicos, arquivos, bibliotecas, etc., que proceden de fontes universalmente consideradas irrefutables pola súa calidade, exactitude ou verosimilitude, e que son obra doutros investigadores, científicos, intelectuais ou artistas.
Pero nesa búsqueda do dato ‘optimo’ para os nosos traballos ou investigacións esquecemos, ou desprezamos, aquelesoutros datos non xerados por intelixencias privilexiadas, senón polo común dos mortais, polo pobo.
Cando analizamos os acontecementos históricos recurrimos a fontes coetaneas, a paralelos doutros lugares, a estudos críticos sobre o tema de sesudos investigadores, cos que chegamos a polemizar.
Pero esquecemos de que xeito os feitos históricos influiron na memoria colectiva do pobo ao que afectaron, no día a día daquelas comunidades que o viviron e padeceron e, sobre todo, esquecemos de que xeito estes individuos expresaron e reflexaron os sentimentos que tales feitos lles provocaron.
A principal consecuencia desto é que moitas veces non sexamos capaces de interpretar de xeito correcto determinadas manifestacións populares que calificamos como ‘fora da norma’, atípicas ou singulares, e que, non son mais que a expresión popular deses feitos históricos.

O 23 de Xuño de 1927, atendendo á insistente petición dos seus paisanos, aterraba no Monte do Toxo, na parroquia de Filgueira (Lalín) o aviador Joaquín Loriga. Foi o primeiro avión que tomaba terra en Galicia. Milleiros de persoas acudiron a recibilo, do concello de Lalín, da comarca do Deza, de moitas partes de Galicia, como así o testemuña a prensa da época.
Joaquín Loriga Taboada nasceu na parroquia de San Martiño de Prado (Lalín) no ano 1895, descendente dunha familia, os Taboada, de fonda tradición militar, afincada no veciño Pazo de Liñares. Desenvolveu unha brilante carreira militar na guerra de África durante os anos 20, pero a súa sona viulle de dous feitos destacados: pilota-lo autoxiro de Juan de la Cierva no seu voo inaugural, do aeródromo de Catro Ventos a Xetafe, no ano 1926 e; sobre todo, polo voo Madrid-Manila, xunto os pilotos Eduardo González Gallarza e Rafael Martínez Esteve, no ano 1927; o primeiro voo entre unha capital europea e o Extremo Oriente, que tivo unha gran repercusión en todo o mundo.
Desgraciadamente, os poucos días de regresar a Madrid, tra-la súa visita a Galicia, faleceu nun accidente no aeródromo de Catro Ventos. A repercusión que iste feito tivo entre os seus veciños, en todo o concello, en toda a comarca, en toda Galicia, en toda España é incalculable. Non é posible mensurala. A prensa da época así o recolleu nas súas crónicas.
Antes da súa morte, os seus paisanos comezaran unha suscripción para obsequiarlle un aeroplán, que nunca foi adquirido. Co diñeiro recaudado decidiuse erguer un monumento na súa memoria. O monumento, obra do escultor Francisco Asorey, inaugurouse o 27 de Agosto de 1933, nun céntrico parque de Lalín.

Outro persoaxe da veciñanza tería unha carreira paralela á de Loriga, brilante, exitosa, prolongada no tempo, pero cun final de sufrimento, dor, esquecemento e exilio.
Gumersindo Areán Rodríguez nasceu na parroquia de Pedroso (Rodeiro) en 1898, de pais labregos. No ano 1919 fai o servizo militar en Tetuán. Reengancha varios anos e sirve con tenacidade e valor durante a sublevación do emir Abdel Krim. As súas heroicas accións fanno merecedor do grao de sarxento. No ano 1925, cando se está constituindo o arma de aviación, ofrécese como voluntario para realiza-lo curso de ametrallador-bombardeiro no aeródromo de Catro Ventos de Madrid. Ao ano seguinte comeza a súa instrucción na Escola de Carabanchel no curso de Piloto. En 1927 acada o título de piloto e ao ano seguinte ascende a suboficial. Rematada a guerra de Africa realiza a ruta postal de correo aéreo entre Tetuán e Larache, e despois a ruta Madrid-Tetuán.
Co grado de oficial, o 18 de Xullo de 1936, sorpréndelle o levantamento no aeródromo de Catro Ventos, manténdose fiel á República como a maioría dos seus compañeiros. A confianza que o mando republicán tiña nel fixo que o destinaran a Rusia como responsable instructor dun colectivo de 300 alumnos para formalos en avións de caza e bombardeiros. De volta a España participa activamente no frente de Aragón e de Madrid. É derribado en combate, consigue aterrar e salva a vida de parte da tripulación. Realizou varias misións vitoriosas que lle valeron o alcume de “Ave Negra”. Durante a guerra nombrárono comandante dos aeródromos de Los Alcáceres (Murcia) e La Zenia (Tarragona). Acadou o grao de Maior durante a Guerra Civil, chegando a ser Xefe do Grupo 72, que acollía a tódo-los avións de transporte, recoñecemento e patrulla de costa da Forza Aérea. No último momento foi nomeado Comandante do Exército do Aire.
No ano 1939, ao remate da Guerra Civil, sae dende Barcelona cara ao exilio en Francia, ficando, como moitos outros, no campo de concentración de Argelès-sur-Mer. A súa muller, Amalia Carrillo, e os seus fillos, Mariña, Xosé e Fernando, atópanse neste momento en Orán, xunto coa irmá de Amalia, que ten nacionalidade francesa. A insistencia da súa cuñada ante o goberno de Vichy, fai que o trasladen ao campo de concentración de Relizane (Alxeria), onde se viu obrigado a traballar na construcción do ferrocarril a Tombuctú, por un tempo curto. Finalmente concédenlle o reagrupamento familiar e a liberdade no ano 1941. Planexan xa a viaxe a América, pero Gumersindo ponse en contacto coa Royal Air Force, ofrecéndose como aviador experimentado para loitar contra Hitler. Nunca obtivo resposta.
En Outono de 1942 embarcan no cargueiro Nyasa con destino Veracruz, México. Non foi posible convalida-la súa licenza de aviador e nunca mais volveu voar. Traballou como comercial de seguros e dependente de ferretería. Mantívose sempre fiel aos ideais republicáns, ata a súa morte no ano 1974, sen voltar a pisa-la súa terra.

¿De qué xeito quedaron grabados na memoria colectiva dos veciños da comarca estes feitos?, ¿Cómo expresaron ou manifestaron os sentimentos que lles provocaron?
Unha resposta a estas preguntas pode ser un orixinal hórreo emprazado no lugar de Adelán, na parroquia de Santa María de Guillar, no concello de Rodeiro. A peculiaridade do hórreo está nun dos remates do mesmo, que sustitúe o tradicional pináculo ou cruz por un aeroplán pilotado por un aviador. Trátase dunha figura sinsela, de liñas suaves, cáseque infantil. O mestre canteiro que a labrou, ben por iniciativa propia ou por mandado do propietario do hórreo, debía coñecer ben as fazañas de tan destacados conveciños e quiso, deste xeito, lembralos e, quizá tamén, expresa-la memoria colectiva, nun elemento tan típico da etnografía popular.

No hay comentarios: