martes, 14 de diciembre de 2010

sábado, 3 de julio de 2010

ANNABEL LEE by E. A. POE

Annabel lee é o derradeiro poema completo composto polo escritor e poeta romántico estadounidense Edgar Allan Poe, en maio de 1849.


Como en moitas das súas obras o poema xira sobre a morte dunha fermosa muller, o que Poe chamaba "the most poetical topic in the world" [Poe, Edgar, A.: Filosofía de la composición (1846)]. Trátase dun amor ideal de extraordinaria intensidade. Parece claro que a persoaxe que inspirou o poema foi a súa muller Virginia Eliza, finada dous anos antes.
O poema consta de seis estrofas: 3 con seis versos, unha con sete e dúas con oito; cun patrón de rima lixeiramente diferente en cada unha delas. A repetición de verbas e frases, a xeito de balada, dalle un efecto de fonda tristura. O nome de Annabel Lee enfatiza o son "L" (aliteración), recurso frecuente do poeta nas súas persoaxes femeninas: Eulalie, Lenore, Ulalume, Morella, Ligeia, ...
Poe asegurouse de que o poema fora publicado. Deulle unha copia ao seu editor Rufus Wilmot Griswold, outra a John Thompson para zanxar unha débeda de 5 dólares e, vendeulle outra á Sartain's Union Magazine para que a publicase. Griswold sería o primeiro en publicalo, o 9 de Outubro de 1849, tra-la morte de Poe, como parte da súa necrolóxica no Daily Tribune de New York. Thompson publicouno no Southern Literary Messenger en Novembro do mesmo ano e, a Sartain's en Xaneiro do ano seguinte.
E sen dúbida unha das composicións poéticas mais fermosas que se teñen escrito, dunha gran intensidade lírica e melódica. De ahí que sexa unha das obras mais cantada e versionada por artistas de todo o mundo. Imos ver uns exemplos.

En primeiro lugar están os recitativos, mais ou menos musicados, de cantantes estadounidenses como Jim Reeves, figura senlleira da canción popular norteamericana nos 50 e 60 debido ao novedoso son Nashville [tema incluido no LP TALKIN'TO YOUR HEART, RCA, 1961]; despois temos a versión de Joan Baez, que non precisa ningunha presentación [tema incluido no LP JOAN, Vanguard, 1967] e; rematamos coa versión de James Johnston e o grupo Nick Cave and the Bad Seeds, incluida na banda sonora da película "The Fall of the Louse of Usher" dirixida polo británico Ken Russell no ano 2002.


A musicalidade do poema faino tamén moi apropiado para os recitativos corais. Aquí tedes varios exemplos que van desde os coros escolares ata os cantantes profesionais, pasando polas corais amateurs e semiprofesionais, son por esta orde: Jerusalem Academy of Music Chamber Choir, XOLO Voces Blancas, CPU Senior Mixed Choir, MSOA Boys Chorus e, Musical Nevermore written by Matt Conner.


Logo temos as versións pop e rock mais variadas. Comezamos por Stevie Nicks a vocal dos Fleetwood Mac, coa súa voz característica; despois a banda xermana de speedfolk Fiddler's Green que recolle o tema no seu primeiro disco (que leva o nome do grupo) no ano 1991; segue o grupo grego de progressive rock/metal Wastefall [CD Fallen Stars and Rising Scars, Sleaszy Rider Records, 2003]; logo está a versión do israelita Gilad Hesseg, do 2008; continuamos coa banda californiana de garage rock Black Rebel Motorcycle Club, moi bo tema [CD Beat the Devil's Tatto, RCA, 2010]; unha versión interesante é a dos tamén californianos psychobilly Tiger Army [CD Tiger Army II: Power of Moonlife, Hellcat Records, 2001] e; rematamos co grupo xermano de gothic/dark wave Sweet Sister Pain, do ano 2007.



E como non podía ser doutro xeito o fenómeno tamén chegou ao noso país. O grupo Radio Futura incluiu no seu disco La canción de Juan Perro (o seu mellor traballo e o mellor disco de rock latino dos 80) unha versión do tema de Poe traducido ao castelán [LP La cancón de Juan Perro, Sony Music-Ariola, 1987]; vexamos o tema orixinal do grupo nun videoclip do programa La bola de cristal; Santiago e Luis Auserón nun concerto de Iván e Amaro Ferreiro, e; a Santiago Auserón xunto a Original Jazz Orquesta.
Rematamos coa versión que fixo Enrique Bumbury do grupo Radio Futura [CD Bizarros Vs. Flamingos, 2004].

jueves, 17 de junio de 2010

O XACEMENTO ROMANO DO COTO DE SOUTELO (GA36034077), Stª Mª de Taboexa (As Neves) / San Salvador de Leirado (Salvaterra de Miño)

ANTECEDENTES
A finais do mes de Abril deste ano un afeizoado puso en coñecemento da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra que nas proximiodades do lugar de A Vesadiña, Leirado (Salvaterra) estábanse a levar a cabo grandes movementos de terra para a creación dunha plantación de viña, que deixaron ao descuberto restos arqueolóxicos de época romana. O día 26 de Abril técnicos de Patrimonio da citada Xefatura Territorial visitaron as obras mencionadas emitindo posteriormente un informe, tanto sobre os movementos de terra como sobre os restos arqueolóxicos atopados. Neste informe recóllese que na superficie ocupada pola plantación de viña se realizaron grandes movementos de terra: escavando o terreo por baixo do sustrato natural, nalgunhas zonas e, realizando grandes recheos noutras; que resta só un área duns 500m2 onde se conserva o solo natural e que utilízase para acopiar sobre ela a terra procedente da escavación doutras partes da plantación; que é no entorno desta área onde se concentran a maior parte dos achados; que os achados son restos arqueolóxicos de época romana: tégulas, cerámica común, pondus, perpiaños de construcción e restos de cinzas e carbóns nos cortes do terreo. O informe dos técnicos afirma con rotundidade <<... non temos dúbidas de que se trata dun xacemento arqueolóxico de época romana descoñecido ...>> e remata coas seguintes recomendacións <<... compre paralizar urxentemente as obras en base ao establecido no artigo 59º da Lei 8/1995 (...) remitir a orde de paralización á Policía Autonómica, para proceder a súa execución, e comunicarllo aos concellos de As Neves e Salvaterra. No caso que as obras conten con todas as autorizacións deberá realizarse unha escavación arqueolóxica de urxencia (sondaxes manuais), na área sinalada, por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conforme ao disposto no artigo 59º.4 da Lei 8/1995 ...>>.
Con data 30 de Abril a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra emite Resolución delegada ordeando a <<... interrupción inmediata das obras de plantación de viña co fin de levar a cabo os traballos arqueolóxicos necesarios ...>>. Asimesmo, nesa data remítese escrito, xunto coa resolución anterior, á Xefatura Local da Policía Autonómica, solicitando a execución da interrupción inmediata dos trababallos de plantación de viña; ao Concello de As Neves, ao Concello de Salvaterra de Miño e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Os citados escritos foron adiantados por fax con data 3 de Maio.
O día 4 de Maio dous axentes da Unidade da Policía Autonómica da Xefatura Local de Vigo se persoan no lugar, identifican ao propietario/promotor da plantación de viña e fanlle entrega da copia da resolución delegada da Xefatura Territorial antedita, de data 30 de Abril, ordeándolle a paralización inmediata dos traballos; levantando acta dos feitos que o promotor négase a firmar. O día 7 de Maio, de novo dous axentes da Xefatura Local da Policía Autonómica de Vigo persóanse na plantación de viña e poden comprobar que unha máquina escavadora está movendo terra e que unha cuadrilla de 4 persoas está colocando postes de pedra; realizan unha reportaxe fotográfica na que se constata que pese á orde de paralización os traballos non cesaron; levántase acta e se apercibe de novo sobre a paralización inmediata dos traballos. O acta é remitida á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra, con data 11 de maio.
En base ás actas recibidas por parte da Policía Autonómica, o 20 de Maio técnicos de Patrimonio da Xefatura Territorial antedita realizan unha visita de inspección ás obras de plantación de viña e poden comprobar persoalmente como varios operarios continúan colocando postes de formigón para a viña, nunha zona onde se ordeara a paralización dos traballos. Constatan tamén, que a superficie que conserva o solo natural e o paleosolo, onde se concentran os restos arqueolóxicos, parece continuar nas condicións da visita anterior. Aprecian que os cortes do terreo, en determinados puntos, foron limpados e perfilados cunha finalidade indubidablemente arqueolóxica; ademais, parece que se recolleron restos arqueolóxicos en superficie, que son agora menos abundantes que na visita anterior. No informe que posteriormente redactan se conclue o seguinte <<... Produciuse un reiterado incumprimento da orde de paralización dos traballos emitida o 30 de Abril pola Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra. Polo que entendemos que puido producirse unha infracción administrativa tipificada como grave (artigo 91º.i da Lei 8/1995) polo que se propón a apertura dun expediente sancionador a Construcciones VALE, representada por D. Manuel Eiro Pino.
Con independencia do anterior proponse dar traslado á Fiscalía pola presunta comisión dun delito de desobediencia ...>>.

¿É VOSTEDE O ARQUEOLÓXICO?
O 13 de Maio recibimos unha chamada telefónica por parte de quen se identifica como Manuel Eiro Pino, propietario da empresa Construcciones VALE. Solicita unha entrevista persoal o mais axiña posible. Anticípanos que está realizando unha plantación de viña no concello de Salvaterra de Miño e que a Dirección Xeral de Patrimonio paralizoulle as obras xa que "din que atoparon xacementos arqueolóxicos". Manifesta a súa total disconformidade cos feitos e desexa que un especialista elabore un informe que confirme ou desminta (o que non ten nengunha dúbida que sucederá) os razoamentos dos técnicos de Patrimonio. Quedamos citados para o día seguinte.
Dado que non é obxectivo deste 'post' manifestar as nosas impresións persoais sobre o noso interlocutor, nin cualificalo de xeito algún, limitarémonos, na medida do posible, aos feitos tal e como se desenvolveron.
Despois das presentacións formais e de romper o xeo, pasamos directamente a analiza-lo "problema" que lle xurdiu de súpeto pola "intromisión" de Patrimonio. Explicanos que está a levar a cabo unha plantación de viña no concello de Salvaterra de Miño; amósanos e fainos entrega dunha fotocopia ampliada dun fragmento de plano de parcelamento agrícola, onde está resaltada a superficie ocupada pola plantación. Explicanos que levan xa varios meses realizando movementos de terra nas parcelas sinaladas, encamiñados a nivela-lo terreo, sanea-lo e acondiciona-lo para planta-las vides. Manifestanos que o pasado 4 de Maio a Policía Autonómica presentouse na plantación, fixéronlle entrega dunha copia da Resolución delegada da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra e, conmináronlle a paralizar de inmediato as obras de plantación de viña. Fíxonos entrega dunha copia da Resolución delegada antedita e do acta levantada pola Policía Autonómica. De seguido manifestou con vehemencia a súa disconformidade coa opinión dos técnicos de Patrimonio que elaboraron o informe que provocou a Resolución delegada da Xefatura Territorial, antedita. Dende o seu punto de vista non existe tal xacemento arqueolóxico, xa que nas parcelas que compoñen a finca "nunca houbo nada, sempre se traballaron, se prantou millo, patacas, centeo, ...", "as tellas que aparecen espalladas polo chan, voteinas eu, proceden dos entullos da casa da miña aboa que empreguei para os recheos da plantación e que as máquinas remexeron e mesturaron coa superficie actual". Despois de leer detidamente a Resolución delegada da Xefatura Territorial, antedita, advertímoslle ao noso interlocutor que os restos arqueolóxicos que teñen aparecido na plantación de viña non deixan lugar a dúbidas sobre a natureza do posible xacemento alí soterrado; ademais, deixamos moi clara a nosa total confianza na profesionalidade dos técnicos de Patrimonio. Apuntamos tamén que ao tratarse dun xacemento non catalogado, dun descubrimento casual, e tal e como recolle a propia Resolución antedita, a interrupción das obras da plantación de viña é provisional, mentras que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural leva a cabo unha escavación arqueolóxica de urxencia.
O que ata o momento limitouse a unha exposición vehemente de comentarios en contra da opinión dos técnicos de Patrimonio e do contido da Resolución que paralizaba as obras, pasou a ser unha postura de total e absoluto rechazo a calqueira tipo de intervención arqueolóxica na finca apoiándose en dous argumentos que repetía ata a saciedade: a negación rotunda a recoñece-la presenza de restos arqueolóxicos "... na finca non hai nada. Ninguén me vai a decir a min o que hai no meu, que ben o sei eu, que deixei alí os dentes traballando a terra dende neno"; e a negativa total a gastar cantidade de diñeiro algunha para financia-lo custo de calqueira tipo de intervención arqueolóxica "... eu non vou a pagarlle o soldo a catro sinvergonzas para que vaian unha semana alí a toma-lo sol, fuma-lo cigarro ou come-lo bocadillo a miña conta, porque a xente que se adica a esto non sirve para facer un traballo de persoa seria, e se teño que poñer un céntimo nunha escavación, deixo todo como está, voto a 12 obreiros ao paro e mando a plantación de viño ao ...".
Chegados a este punto non estábamos dispostos a continuar cunha conversa que non levaba a ningures e que se volvera moi ofensiva. Así que preguntámoslle directamente ao noso interlocutor para que nos chamara, que era o que quería. A súa resposta foi clara e igualmente directa "eu necesito un arqueólogo que redacte un informe que desminta e refute a opinión dos técnicos de Patrimonio". ¡Alucinante! Nunca nos víramos noutra como esta. Non dábamos creto ao que estabamos a escoitar. A cousa se poñía realmente interesante, entón ¿Qué pasaría se o informe do arqueólogo lle é desfavorable, si confirma a opinión dos técnicos de Patrimonio, si confirma a existencia dun xacemento arqueolóxico de época romana na finca? "Eso non vai suceder porque alí non hai nada. Pero nese caso, deixo todo como está". Volvemos a insistir en que para a elaboración de calqueira informe arqueolóxico baseado nunha prospección superficial do terreo é preciso solicitar autorización a Patrimonio, redactar un Proxecto, incluir un orzamento, etc. "Eu non quero ningún estudo ou investigación sobre o que alí hai, porque alí non hai nada. O que preciso é a opinión dun experto que diga que alí non hai nada e que as tellas que aparecen son as da casa da miña aboa que votei eu alí. E si algo hai, deixoo todo como está."
Ante a postura do noso interlocutor dimos por rematada a discusión. Na despedida aceptamos, pola nosa parte, visitar a finca e, pola súa, consentiu en acata-la redacción dun informe preliminar no que (independentemente do resultado) cada quen sería libre de darlle a publicidade que considerase oportuna, comunicarllo á Dirección Xeral de Patrimonio ou escondelo nun caixón.
O 18 de Maio fixemos a visita de inspección á plantación de viña e, cos resultados obtidos, redactamos un amplo Informe que entregamos ao promotor o día 25 de Maio e puxemos en coñecemento dos técnicos de Patrimonio da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra ao día seguinte. O que ven a continuación é un pequeno resumo do referido informe arqueolóxico. A día de hoxe descoñecemos si o promotor puso en coñecemento da Xefatura Territorial antedita o referido informe ou si, pola contra, continúa agochado nun caixón.

O XACEMENTO ROMANO DO COTO DE SOUTELO
O conxunto de parcelas que compoñen a finca onde se levan a cabo os traballos de plantación de viña sitúanse na raia entre os concellos de Salvaterra de Miño e As Neves. A meirande parte da finca sitúase no concello de As Neves, na paraxe denominada Coto de Soutelo, na parroquia de Santa María de Taboexa; o resto sitúase nas proximidades do lugar de A Vesadiña, na parroquia de San Salvador de Leirado, no concello de Salvaterra. O emprazamento topográfico no que se situa a plantación de viña é un outeiro de suave pendente encaixado polo Regato Lodeiro ao N. e o Regato dos Castiñeiros ao S.; situado na marxe dereita do tramo final do Val do Tea; na liña de inflexión coa parte mais baixa da aba O. do Monte San Nomedio. A superficie aproximada da plantación é de 2'8Ha, ten unha forma irregular e divídese en dúas partes separadas por un camiño que atravesa a plantación de NL. a SO., quedando 1/3 da finca ao N. do camiño e 2/3 ao S.
O conxunto de parcelas que compoñen a plantación de viña sufriron importantes movementos de terra. As parcelas situadas ao N. do camiño que divide a plantación foron escavadas de xeito importante, seguindo a pendente natural do terreo(L.SL.-O.NO.), perdendo a cuberta vexetal e o paleosolo e rebaixando o sustrato granítico entre 1 e 2'5m.; o sector mais occidental e septentrional desta parte da finca, pola contra, foi recheado ata acada-la cota de nivelación da plantación, non puidendo comprobar se baixo o recheo consérvase o manto vexetal e o paleosolo. Nesta metade N. da finca completáronse totalmente os traballos de acondicionamento do terreo, colocación dos postes e plantado das cepas. As parcelas situadas ao S. do camiño antedito tamén foron moi afectadas por movementos de terra. A escavación do terreo foi tamén decrecendo seguindo a pendente natural do terreo, dende os 3'5m. da parte NL. cara ao SL., S. e SO. Pola contra, as parcelas situadas no extremo L., SL. e S. sufriron un importante recheo de ata 4m. de altura, para acadar a cota de nivelación desexada. Neste sector rodea a plantación o Regato dos Castiñeiros polo que se construiu un muro de grandes bloques de granito que serve de contención das terras. Non foi posible determinar a existencia de cuberta vexetal e paleosolo neste punto. As parcelas situadas no centro desta parte da finca sufriron afeccións diversas: ao N. desta parte, a carón do camiño que divide a plantación, realizouse unha escavación da cuberta vexetal, paleosolo e sustrato de ata 3m. de fondura; ao SO. e S. as parcelas parecen menos afectadas, ainda que tamén sufriron a escavación da cuberta vexetal e parte ou todo o paleosolo; ao O. e NO. as parcelas perderon a cuberta vexetal orixinal e todo ou parte do paleosolo, pero hai xa tempo, polo que comeza a rexenerarse unha nova cuberta vexetal sobre o sustrato básicamente de xestas.
É no centro deste sector onde se conserva unha superficie importante de terreo orixinal: cuberta vexetal e paleosolo, sepultados baixo unha inmensa mole de terra acopiada da escavación das zonas anteriores. Trátase dun área de forma elíptica duns 600 a 800m2 de superficie, onde se concentran a maioría dos restos arqueolóxicos. Puidemos comprobar, nos cortes do terreo existentes neste sector, unha estratigrafía composta dun só nivel de ocupación antrópica, con abundantes restos arqueolóxicos. En xeral, a estratigrafía é sinsela, baixo unha cuberta vexetal de 30 a 50cm. de fondo, atopamos un só nivel de ocupación antrópico de 50 a 120cm. de fondura, con abundantes restos arqueolóxicos. A homoxeneidade dos restos atopados indícanos un marco cronocultural moi concreto: a romanización, posiblemente nun momento avanzado. Temos que destaca-la presenza dun tramo de perfil duns 6m. de lonxitude no que se aprecian os restos dunha posible estructura arquitectónica, dun posible muro de mampostería, do que se pode identifica-la súa base, asentada directamente sobre o sustrato, acondicionado para elo. O derrube aparece mesturado con grandes e numerosos fragmentos de tégula e ímbrices, así como algún que outro de cerámica común. Xunto á suposta estructura arquitectónica, o perfil amosa restos de cinzas e carbóns. Espallados polo chan, en superficie, atopamos unha serie de perpiaños de granito ben labrados.
En canto aos restos arqueolóxicos, destacamos os elementos de cubrición: tégulas e ímbrices, moi abundantes, pouco fragmentados e sen rodar; varios exemplares amosan marcas de alfar. A cerámica de cociña, romana ou de tradición indíxena: varios fragmentos de beizos, pescozos e hombreiros de formas pechadas: xarras; ou fondos e fondos-pes de formas abertas: olas, cuncas. Da cerámica de almacenaxe ou transporte só puideron documentarse dous fragmentos de ánfora. A característica mais destacada de todos os restos atopados é que apenas están rodados, o que indica a súa evidente deposición primaria.
A presenza de derrubes de mampostería, os perpiaños ben labrados e, os abundantes elementos de cubrición: tégulas e ímbrices, poden indica-la existencia dunha estructura arquitectónica. A relativa abundancia de cerámicas comúns de cociña, xunto coa presenza puntual de restos de carbóns e cinzas asociados ao derrube, poderían indicar que a suposta estructura arquitectónica tería unha funcionalidade de habitación. Resumindo, non sería moi aventurado pensar, en base aos restos arqueolóxicos atopados, que se trate dun xacemento de época romana, unha villa ou algunha edificación relacionada coa 'pars rustica' dunha villa.
En calqueira caso (acertáramos ou non co tipo de xacemento), a importancia dos restos atopados é indubidable e a posibilidade de que sufran novas agresións e/ou destrucións, moi alta. Polo que compre esixir das Administracións Públicas competentes o máximo celo no cumprimento da súa labor, obrigando á paralización inmediata dos traballos de plantación de viña e aplicando con rigor as sancións administrativas estipuladas na lexislación vixente. Compre, tamén, esixir da Fiscalía que lle aplique aos infractores as sancións previstas no Código Penal.



Para contextualiza-lo xacemento engadimos un mapa cos xacementos mais destacados do entorno inmediato.


Ver Arqueoloxía:PO:As Neves en un mapa más grande

lunes, 10 de mayo de 2010

TRES ESTAMPAS DO NORTE DE PORTUGAL

Hai xa algúns meses fixemos unha pequena ruta turística polo norte de Portugal, visitando algúns dos lugares mais senlleiros da zona. Agora vos mostramos os apuntes e algunhas fotos de parte dos sitios que chamaron a nosa atención.


Ver Tres estampas do Norte de Portugal en un mapa más grande

O Dolmen da Barrosa. Situado na localidade de Vila Praia de Ancora, no municipio de Caminha, en Portugal. Declarado Monumento Nacional no ano 1910. É considerado un dos monumentos megalíticos mais emblemáticos da Península Ibérica. Cunha cronoloxía do Neolítico tardío.
Popularmente chamado “Lapa do Mouro”, é do tipo de cámara poligonal con corredor. Consta dunha cámara de 9 ortostatos imbricados, apoiados uns nos outros. A laxa de cabeceira está fracturada, ten forma rectangular e atópase chantada verticalmente. A cada lado da losa da cabeceira se dispoñen catro ortostatos. Ten un corredor de catro laxas, dúas a cada lado, de forma rectangular ou trapezoidal, chantados verticalmente. Conserva unha gran lousa como cuberta.
http://www.cm-caminha.pt/ver.php?cod=0M0D0M



A Capela de Sao Fructuoso de Montelios. Capela e mausoleo visigodo mandado construir polo bispo de Braga, Fructuoso. Erixida entre o ano 656 e 665.
De pranta de cruz grega na que cada brazo ten a forma exterior dun cadrado, mentres que no interior son ábsides de pranta de ferradura acusada. Os brazos únense no transepto, comunicandose por tres arcos de ferradura, mais ancho o central que os laterais, que descansan sobre dúas columnas exentas e sobre os muros laterais. Os tres arcos están inscritos dentro doutro gran arco cego de ferradura, sobre o que se ergue o muro do transepto, formando unha linterna, cuberta por unha cúpula sobre pechinas. Os brazos, agás o da entrada que ten bóveda de canón, tamén cubríanse con cúpulas, apoiadas en columnas, 6 no ábside e 4 nos laterais, formando un pequeño deambulatorio. A iluminación é por medio de fiestras de doble arco de ferradura situadas en cada un dos lados do transepto e, en cada brazo, agás na entrada.
Construida con aparello de sillares escadrados. Decoración exterior con frontóns triangulares, arquerías cegas nos muros laterais, zócalo de tipo clásico, friso con sogueado e cornisa con pequenos arcos cegos na torre do cruceiro. Toda a decoración exterior é independente da forma dos sillares, como labrada neles.
No interior existe un friso semellante ao exterior; os capiteis son de tipo corintio. Toda a decoración é de imitación de tipo romano, pero dunha calidade moi superior á existente na época romana, nesta zona.
Esta igrexa é fundamental para coñece-la evolución da arquitectura visigoda no século VII. Dende as primeiras igrexas arrianas a arquitectura visigoda foi modificando as súas prantas, dende a estructura clásica tradicional de 3 naves con tellados rectos e un ou tres ábsides, mediante a inclusión de seudocruceiros de moi distinta forma (Cabeza de Griego, Recópolis), ata chegar a estructuras cunha cabeceira tan complexa como San Xoán de Baños e/ou Santa Lucía del Trampal.
De súpeto, o bispo Fructuoso, de clara vocación orientalista, rompe tódo-los esquemas das prantas existentes ata entón, e constrúe unha igrexa-mausoleo, completamente abovedada, cunha estructura cáseque idéntica ao Mausoleo de Gala Placidia en Rávena, polo exterior e, que imita moitos detalles de San Vital de Rávena, polo interior. O abovedado interior é, tamén, semellante ao Mausoleo de Gala Placidia; mentres que o ambiente interior, coas arcadas triples inscritas en arcos cegos de maior tamaño, lémbranos á igrexa de San Vital.
Este tipo de igrexas de pranta cruciforme e con arquerías múltiples e superpostas, pódense considerar totalmente novedosas na España visigoda. Dende agora será o modelo tipo das igrexas visigodas das zonas rurais: pranta cruciforme e totalmente abovedadas (Santa Comba de Bande, San Pedro de la Mata e Santa María de Melque). O desenvolvemento das prantas cruciformes continuou nos derradeiros anos da monarquía visigoda en igrexas como San Pedro de la Nave e Quintanilla de las Viñas.

http://www.turismo-prerromanico.es/arterural/SFRUCTU/SFRUCTUficha.htm

http://www.artehistoria.jcyl.es/artesp/monumentos/233.htm
http://aprendersociales.blogspot.com/2008/10/san-fructuoso-de-montelios.html
http://www.liceus.com/cgi-bin/aco/ar/06/0604.asp



A Citania de Briteiros. Castro da Edade do Ferro emprazado na freguesía de Sao Salvador de Briteiros, no municipio de Guimaraes, Portugal. O xacemento deuse a coñecer no ano 1875 por Martíns Sarmento.
Consta dun recinto de grandes dimensións situado no alto do monte Sao Romao rodeado por tres murallas de 2 metros de anchura media e 5 metros de outo. Fortemente romanizado, como pódese comprobar no seu incipiente urbanismo, nas estructuras de pranta cuadrangular, nas taxeas de augas pluviais, as rúas enlousadas, etc. Ademais da aparición de numerosos restos romanos dende o século Iº a.C.: inscripcións latinas, moedas republicanas e imperiais, cerámicas de importación, etc. A cultura castrexa acadou a súa máxima expresión coa riqueza das ornamentacións xeométricas, tanto nas estructuras arquitectónicas: xambas, dinteis, frisos, como na orfebrería ou cerámica.
Dentro do xacemento destacan especialmente as dúas saunas ou balnearios situados na parte baixa do recinto fortificado. Constaban de tres espazos: un atrio con estanques de auga fría, unha antecámara e unha sauna. A separación entre a antecámara e a sauna realizábase ao través dunha estela ornamentada de forma pentagonal (a “pedra formosa”), fincada no chan, cun burato semicircular na base para cruza-la e evita-la saída do calor. A sauna servía para tomar baños de vapor, votando auga sobre pedras quentes. A cuberta estaba formada por grandes pedras a dúas augas e o extremo final era semicircular (a xeito de ábside) rematado por unha falsa bóveda.
Esta citania está identificada coa capital política do pobo Callaeci Bracari, no século IIº a.C., reuníndose o “consilium gentis” nunha gran construcción circular con banco corrido nas paredes.
http://www.arqueotur.org/yacimientos/citania-de-briteiros.html
http://es.wikipedia.org/wiki/Citania_de_Briteiros
http://www.celtiberia.net/verlugar.asp?id=553
http://algarvivo.com/arqueo/top-10/briteiros.html

sábado, 8 de mayo de 2010

O HÓRREO DE ADELÁN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

A miudo os historiadores, na procura da información mais valiosa, consideramos como datos de relevancia aqueles que se gardan en inventarios, catálogos, rexistros arqueolóxicos, arquivos, bibliotecas, etc., que proceden de fontes universalmente consideradas irrefutables pola súa calidade, exactitude ou verosimilitude, e que son obra doutros investigadores, científicos, intelectuais ou artistas.
Pero nesa búsqueda do dato ‘optimo’ para os nosos traballos ou investigacións esquecemos, ou desprezamos, aquelesoutros datos non xerados por intelixencias privilexiadas, senón polo común dos mortais, polo pobo.
Cando analizamos os acontecementos históricos recurrimos a fontes coetaneas, a paralelos doutros lugares, a estudos críticos sobre o tema de sesudos investigadores, cos que chegamos a polemizar.
Pero esquecemos de que xeito os feitos históricos influiron na memoria colectiva do pobo ao que afectaron, no día a día daquelas comunidades que o viviron e padeceron e, sobre todo, esquecemos de que xeito estes individuos expresaron e reflexaron os sentimentos que tales feitos lles provocaron.
A principal consecuencia desto é que moitas veces non sexamos capaces de interpretar de xeito correcto determinadas manifestacións populares que calificamos como ‘fora da norma’, atípicas ou singulares, e que, non son mais que a expresión popular deses feitos históricos.

O 23 de Xuño de 1927, atendendo á insistente petición dos seus paisanos, aterraba no Monte do Toxo, na parroquia de Filgueira (Lalín) o aviador Joaquín Loriga. Foi o primeiro avión que tomaba terra en Galicia. Milleiros de persoas acudiron a recibilo, do concello de Lalín, da comarca do Deza, de moitas partes de Galicia, como así o testemuña a prensa da época.
Joaquín Loriga Taboada nasceu na parroquia de San Martiño de Prado (Lalín) no ano 1895, descendente dunha familia, os Taboada, de fonda tradición militar, afincada no veciño Pazo de Liñares. Desenvolveu unha brilante carreira militar na guerra de África durante os anos 20, pero a súa sona viulle de dous feitos destacados: pilota-lo autoxiro de Juan de la Cierva no seu voo inaugural, do aeródromo de Catro Ventos a Xetafe, no ano 1926 e; sobre todo, polo voo Madrid-Manila, xunto os pilotos Eduardo González Gallarza e Rafael Martínez Esteve, no ano 1927; o primeiro voo entre unha capital europea e o Extremo Oriente, que tivo unha gran repercusión en todo o mundo.
Desgraciadamente, os poucos días de regresar a Madrid, tra-la súa visita a Galicia, faleceu nun accidente no aeródromo de Catro Ventos. A repercusión que iste feito tivo entre os seus veciños, en todo o concello, en toda a comarca, en toda Galicia, en toda España é incalculable. Non é posible mensurala. A prensa da época así o recolleu nas súas crónicas.
Antes da súa morte, os seus paisanos comezaran unha suscripción para obsequiarlle un aeroplán, que nunca foi adquirido. Co diñeiro recaudado decidiuse erguer un monumento na súa memoria. O monumento, obra do escultor Francisco Asorey, inaugurouse o 27 de Agosto de 1933, nun céntrico parque de Lalín.

Outro persoaxe da veciñanza tería unha carreira paralela á de Loriga, brilante, exitosa, prolongada no tempo, pero cun final de sufrimento, dor, esquecemento e exilio.
Gumersindo Areán Rodríguez nasceu na parroquia de Pedroso (Rodeiro) en 1898, de pais labregos. No ano 1919 fai o servizo militar en Tetuán. Reengancha varios anos e sirve con tenacidade e valor durante a sublevación do emir Abdel Krim. As súas heroicas accións fanno merecedor do grao de sarxento. No ano 1925, cando se está constituindo o arma de aviación, ofrécese como voluntario para realiza-lo curso de ametrallador-bombardeiro no aeródromo de Catro Ventos de Madrid. Ao ano seguinte comeza a súa instrucción na Escola de Carabanchel no curso de Piloto. En 1927 acada o título de piloto e ao ano seguinte ascende a suboficial. Rematada a guerra de Africa realiza a ruta postal de correo aéreo entre Tetuán e Larache, e despois a ruta Madrid-Tetuán.
Co grado de oficial, o 18 de Xullo de 1936, sorpréndelle o levantamento no aeródromo de Catro Ventos, manténdose fiel á República como a maioría dos seus compañeiros. A confianza que o mando republicán tiña nel fixo que o destinaran a Rusia como responsable instructor dun colectivo de 300 alumnos para formalos en avións de caza e bombardeiros. De volta a España participa activamente no frente de Aragón e de Madrid. É derribado en combate, consigue aterrar e salva a vida de parte da tripulación. Realizou varias misións vitoriosas que lle valeron o alcume de “Ave Negra”. Durante a guerra nombrárono comandante dos aeródromos de Los Alcáceres (Murcia) e La Zenia (Tarragona). Acadou o grao de Maior durante a Guerra Civil, chegando a ser Xefe do Grupo 72, que acollía a tódo-los avións de transporte, recoñecemento e patrulla de costa da Forza Aérea. No último momento foi nomeado Comandante do Exército do Aire.
No ano 1939, ao remate da Guerra Civil, sae dende Barcelona cara ao exilio en Francia, ficando, como moitos outros, no campo de concentración de Argelès-sur-Mer. A súa muller, Amalia Carrillo, e os seus fillos, Mariña, Xosé e Fernando, atópanse neste momento en Orán, xunto coa irmá de Amalia, que ten nacionalidade francesa. A insistencia da súa cuñada ante o goberno de Vichy, fai que o trasladen ao campo de concentración de Relizane (Alxeria), onde se viu obrigado a traballar na construcción do ferrocarril a Tombuctú, por un tempo curto. Finalmente concédenlle o reagrupamento familiar e a liberdade no ano 1941. Planexan xa a viaxe a América, pero Gumersindo ponse en contacto coa Royal Air Force, ofrecéndose como aviador experimentado para loitar contra Hitler. Nunca obtivo resposta.
En Outono de 1942 embarcan no cargueiro Nyasa con destino Veracruz, México. Non foi posible convalida-la súa licenza de aviador e nunca mais volveu voar. Traballou como comercial de seguros e dependente de ferretería. Mantívose sempre fiel aos ideais republicáns, ata a súa morte no ano 1974, sen voltar a pisa-la súa terra.

¿De qué xeito quedaron grabados na memoria colectiva dos veciños da comarca estes feitos?, ¿Cómo expresaron ou manifestaron os sentimentos que lles provocaron?
Unha resposta a estas preguntas pode ser un orixinal hórreo emprazado no lugar de Adelán, na parroquia de Santa María de Guillar, no concello de Rodeiro. A peculiaridade do hórreo está nun dos remates do mesmo, que sustitúe o tradicional pináculo ou cruz por un aeroplán pilotado por un aviador. Trátase dunha figura sinsela, de liñas suaves, cáseque infantil. O mestre canteiro que a labrou, ben por iniciativa propia ou por mandado do propietario do hórreo, debía coñecer ben as fazañas de tan destacados conveciños e quiso, deste xeito, lembralos e, quizá tamén, expresa-la memoria colectiva, nun elemento tan típico da etnografía popular.

jueves, 6 de mayo de 2010

O CRUCEIRO DE OURÍN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

Recentemente tivemos a ocasión de visitar este escepcional cruceiro do concello de Rodeiro. Atópase no lugar de Ourín, na parroquia de San martiño de Asperelo. Ten unha altura aproximada de 4m. A cruz levántase sobre un capitel de tradición corintia con anxos nos remates das follas de acanto. O fuste é circular e liso, apoiado nun cubo sobre un podium de dous escalóns. O anverso representa ao cristo crucificado con tódolos elementos da paixón, como a coroa de espiñas. O reverso mostra á Virxe María en posición de pregaria e cun anxo en cada un dos brazos da cruz sosténdolle a coroa. A coroa da virxe é unha peza de bronce, hoxe caida e recollida [por sorte] por un veciño do lugar.
O cruceiro atópase nun pésimo estado de conservación. Corre un grave risco de desplome, xa que a súa base cedeu e perdeu a verticalidade. Ademais, os líquenes e musgos invadiron a pedra de tal xeito que as imaxes están xa desfiguradas.
O señor concelleiro de cultura do concello, que nos acompañou na visita, quedou fondamente impactado polo seu estado de abandono. É de agradecer a sensibilidade que mostrou no tema, xa que nos consta que inmediatamente tomou as medidas oportunas para evitar o agravamento da situación e proceder a súa recuperación. Oxalá atopen cedo o financiamento suficiente para proceder a unha limpeza e restauración integral.