martes, 27 de noviembre de 2012

Ciclo de charlas da AEGA en Parada de Sil (Ourense)

Boa participación cidadá no Ciclo de charlas sobre arqueoloxía organizado pola AEGA, este Domingo, en Parada de Sil (Ourense).

Tivemos oportunidade de cambiar impresións e compartir ideas e novas, ao longo de toda a xornada con outros profesionais, arqueólogos, de dentro e fora da asociación, con arquitectos, historiadores, artesáns, afeizoados, empresarios, veciños, etc.

Xente de aquí e dacolá, pois asistiron persoas doutras comunidades autónomas (Cataluña) e doutros paises (Gran Bretaña).

Despois dos relatorios da maná ofreceuse a tódolos asistentes, por cortesía do Concello de Parada de Sil, viño (Ribeira Sacra, como non podía ser doutro xeito) e pinchos (empanada de mexilóns, queixo da zona, etc.). Ademais, o Sr. Alcalde de Parada de Sil, Francisco Magide, agasallou aos asistentes cunha bica (repostería típica do concello) e numerosos folletos e outra documentación turística do concello e a comarca.

Este intercambio de ideas, ao que fixemos alusión mais arriba, tivo o seu momento culminante durante o xantar, que transcurriu dun xeito distendido e cordial. Menú: fabas con  ameixas de primeiro; terneira estofada con arroz blanco de segundo; tarta de laranxa de sobremesa; café e licores. O viño da comida foi o mesmo Ribeira Sacra dos aperitivos (branco e tinto).

O paseo da tarde cara San Vitor de Barxacova foi, se dúbida, apaixoante. Maxistralmente amenizado e explicado polo seu escavador, Eduardo-Breogán.

Unha xornada inesquecible. Mágoa non rematar cunha foliada. Queda pendente para a próxima.

lunes, 5 de noviembre de 2012

3º Roteiro: O Bierzo

Esta pasada ponte aproveitamos para facer unha escapadiña á comarca do Bierzo. A maioría de nos xa coñecíamo-la comarca dende hai tempo e visitáramos moitos dos elementos culturais recollidos mais abaixo en diferentes ocasións e, por motivacións diversas.
Nesta ocasión movíanos simplemente o lecer, desfrutar paseniño da faciana multicor de montes e vales, dos raios de sol atravesando mestos neboeiros e desparramando folerpas de luz e sombra polas abas suaves, polas encostras, polos carreiros. Pero a maiores da vía contemplativa, de sentirmos parte desta natureza salvaxe, como gotiñas de auga nun océano de nubes empurradas polo vento, tivemos ocasión de disfrutar dos praceres mundanos e terrenais que O Bierzo ofrece aos visitantes mais aventureiros.
A primeira parada do camiño fixémola na Ribeira Sacra, nos canóns do Sil. Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina de Ribas de Sil, San Pedro de Rocas e Santa María de Xunqueira de Espadanedo son os mosteiros que abriron a porta á espiritualidade da viaxe. Despois parada e fonda en Parada de Sil; empanada, espárragos con xamón, terneira ao viño e un Valdeorras da casa, con sabor a terra mollada, afrutado e con corpo; de sobremesa unha sorpresa que deixounos sen verbas, tarta de castanas ..., polo noso padar volven as imaxes da mañá, os soutos mollados pola chuvia, os ourizos dourados espallados polo chan, follas verdes, amarelas, roxas, marróns.
Volve a orballar. A tardiña ven axiña. Coas primeiras tebras da noite chegamos a Vega de Valcarce. O alto Bierzo ábrese aos nosos pes. Hoxe non veremos mais, non hai tempo, non hai luz. Pero ao día ainda lle queda outra sorpresa.
A poucos quilómetros do noso aloxamento en Valcarce atópase o 'Ayuntamiento' de Balboa, outro dos obxectivos da nosa viaxe. Nesta ponte tivo lugar o XXº Magosto Celta, coa participación de varias agrupacións folklóricas e grupos de gaitas de Galicia, Asturias e León. Nun entorno de incomparable beleza natural, no marco arquitectónico de varias pallozas espalladas en diversos lugares do concello, tiveron lugar os concertos destes grupos. Castanas asadas, patacos cocidos, viño berciano, licor café, xogos populares, artesanía, ... Moita música, bailes e cantigas ata a madrugada. Eran as catro cando decidimos voltar a Valcarce e descansar para continua-la viaxe pola mañá; pero alí a festa seguía.
O novo día levantouse escuro, con chuvia miuda, frío. Pola fiestra da habitación vemos pasar os primeiros pelegríns cara ao Cebreiro, envoltos en chubasqueiros  de cores que se mixturan coa paisaxe. Despois do almorzo collemos carreteira cara Corullón, San Miguel e San Esteban son os nosos obxetivos da maná. Logo cruzamo-lo río Valcarce e imos cara Vilafranca do Bierzo. A igrexa de Santiago e o castelo dos marqueses de Vilafranca son as nosas primeiras visitas; logo a Colexiata e un paseo pola rúa da Auga. Segue chovendo, temos que modificar o noso plan. Decidimos arriscarnos e collemos camiño das Médulas. Todo un acerto.
O tempo mellora, o sol comeza asomar con timidez entre os neboeiros escuros. Os primeiros raios baixan xuntos co fino orballo. O arco da vella marca a nosa ruta cara as Médulas, como a estrela fixo cos reis de oriente; acabámolo de ver na Porta do Perdón da Igrexa de Santiago.
Temos que repoñer forzas para os roteiros polo parque arqueolóxico. Desta volta lacón con pementos do Bierzo, caldo berciano, botelo con verdura do país e un mencía da casa co que perdémolo sentido. A sobremesa é unánime, repetimos a tarta de castanas. Café, licor café e toda a tarde para facer a dixestión pola mina romana.
Cada vez que visitamos este xacemento temos a impresión de que o tempo non pasou, que detívose agardando por cada un dos visitantes que percorren a mina. Como si a súa penitencia fose ficar fosilizada para o deleite dos turistas, dos veciños, dos investigadores.
A noite asoma polo leste. Voltamos sen presa cara Valcarce. Un pouco de repouso e de novo cara Balboa, este serán toca o grupo de folk Saramaganta. Moita, moita xente na palloza. Cando chegamos os amigos que coñecimos onte xa están quecendo o ambiente entre o público: os gaiteiros de Xinxo, o grupo de Malpica de Bergantiños. Fórmanse corros e báilanse xotas, valses e pasodobres. A música non para. Os gaiteiros van chegando, os gaiteiros van tocando. Tres gaitas nun curruncho asubían unha muiñeira. Xúntanse duas pandeiretas. ¡Toca Xavier! As gaitas xa son catro. Xuntase un tambor, un bombo, un pandeiro. As gaitas xa son cinco. Corre o mencía polas mesas, algúns patacos, poucas castanas, e música, e baile, e cantigas. As gaitas xa son seis.
Pasan das once e media cando comeza o bo. Saramaganta sube ao escenario e comeza a tocar. Paseniño. Mixtura con habilidade composicións propias e tradicionais. Mantén a tensión co público con temas moi ben musicados e interpretados. Están engaiolando ao respetable. O ritmo vai subindo. O público entregado. Éxito rotundo. Varios bises, moitos aplausos e parabéns. Pero a festa non remata, acaba de comezar. Ata a próxima madrugada a gaita soará en Balboa.
O noso viaxe remata. A volta farémola por Lugo.
Para completar a información deixovos un mapa que confecionamos cos elementos do Patrimonio Cultural mais salientables da comarca do Bierzo. Podedes encontrar nel información básica, fotos e enlaces con mais información.


Ver 3º Roteiro: O Bierzo en un mapa más grande