sábado, 8 de mayo de 2010

O HÓRREO DE ADELÁN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

A miudo os historiadores, na procura da información mais valiosa, consideramos como datos de relevancia aqueles que se gardan en inventarios, catálogos, rexistros arqueolóxicos, arquivos, bibliotecas, etc., que proceden de fontes universalmente consideradas irrefutables pola súa calidade, exactitude ou verosimilitude, e que son obra doutros investigadores, científicos, intelectuais ou artistas.
Pero nesa búsqueda do dato ‘optimo’ para os nosos traballos ou investigacións esquecemos, ou desprezamos, aquelesoutros datos non xerados por intelixencias privilexiadas, senón polo común dos mortais, polo pobo.
Cando analizamos os acontecementos históricos recurrimos a fontes coetaneas, a paralelos doutros lugares, a estudos críticos sobre o tema de sesudos investigadores, cos que chegamos a polemizar.
Pero esquecemos de que xeito os feitos históricos influiron na memoria colectiva do pobo ao que afectaron, no día a día daquelas comunidades que o viviron e padeceron e, sobre todo, esquecemos de que xeito estes individuos expresaron e reflexaron os sentimentos que tales feitos lles provocaron.
A principal consecuencia desto é que moitas veces non sexamos capaces de interpretar de xeito correcto determinadas manifestacións populares que calificamos como ‘fora da norma’, atípicas ou singulares, e que, non son mais que a expresión popular deses feitos históricos.

O 23 de Xuño de 1927, atendendo á insistente petición dos seus paisanos, aterraba no Monte do Toxo, na parroquia de Filgueira (Lalín) o aviador Joaquín Loriga. Foi o primeiro avión que tomaba terra en Galicia. Milleiros de persoas acudiron a recibilo, do concello de Lalín, da comarca do Deza, de moitas partes de Galicia, como así o testemuña a prensa da época.
Joaquín Loriga Taboada nasceu na parroquia de San Martiño de Prado (Lalín) no ano 1895, descendente dunha familia, os Taboada, de fonda tradición militar, afincada no veciño Pazo de Liñares. Desenvolveu unha brilante carreira militar na guerra de África durante os anos 20, pero a súa sona viulle de dous feitos destacados: pilota-lo autoxiro de Juan de la Cierva no seu voo inaugural, do aeródromo de Catro Ventos a Xetafe, no ano 1926 e; sobre todo, polo voo Madrid-Manila, xunto os pilotos Eduardo González Gallarza e Rafael Martínez Esteve, no ano 1927; o primeiro voo entre unha capital europea e o Extremo Oriente, que tivo unha gran repercusión en todo o mundo.
Desgraciadamente, os poucos días de regresar a Madrid, tra-la súa visita a Galicia, faleceu nun accidente no aeródromo de Catro Ventos. A repercusión que iste feito tivo entre os seus veciños, en todo o concello, en toda a comarca, en toda Galicia, en toda España é incalculable. Non é posible mensurala. A prensa da época así o recolleu nas súas crónicas.
Antes da súa morte, os seus paisanos comezaran unha suscripción para obsequiarlle un aeroplán, que nunca foi adquirido. Co diñeiro recaudado decidiuse erguer un monumento na súa memoria. O monumento, obra do escultor Francisco Asorey, inaugurouse o 27 de Agosto de 1933, nun céntrico parque de Lalín.

Outro persoaxe da veciñanza tería unha carreira paralela á de Loriga, brilante, exitosa, prolongada no tempo, pero cun final de sufrimento, dor, esquecemento e exilio.
Gumersindo Areán Rodríguez nasceu na parroquia de Pedroso (Rodeiro) en 1898, de pais labregos. No ano 1919 fai o servizo militar en Tetuán. Reengancha varios anos e sirve con tenacidade e valor durante a sublevación do emir Abdel Krim. As súas heroicas accións fanno merecedor do grao de sarxento. No ano 1925, cando se está constituindo o arma de aviación, ofrécese como voluntario para realiza-lo curso de ametrallador-bombardeiro no aeródromo de Catro Ventos de Madrid. Ao ano seguinte comeza a súa instrucción na Escola de Carabanchel no curso de Piloto. En 1927 acada o título de piloto e ao ano seguinte ascende a suboficial. Rematada a guerra de Africa realiza a ruta postal de correo aéreo entre Tetuán e Larache, e despois a ruta Madrid-Tetuán.
Co grado de oficial, o 18 de Xullo de 1936, sorpréndelle o levantamento no aeródromo de Catro Ventos, manténdose fiel á República como a maioría dos seus compañeiros. A confianza que o mando republicán tiña nel fixo que o destinaran a Rusia como responsable instructor dun colectivo de 300 alumnos para formalos en avións de caza e bombardeiros. De volta a España participa activamente no frente de Aragón e de Madrid. É derribado en combate, consigue aterrar e salva a vida de parte da tripulación. Realizou varias misións vitoriosas que lle valeron o alcume de “Ave Negra”. Durante a guerra nombrárono comandante dos aeródromos de Los Alcáceres (Murcia) e La Zenia (Tarragona). Acadou o grao de Maior durante a Guerra Civil, chegando a ser Xefe do Grupo 72, que acollía a tódo-los avións de transporte, recoñecemento e patrulla de costa da Forza Aérea. No último momento foi nomeado Comandante do Exército do Aire.
No ano 1939, ao remate da Guerra Civil, sae dende Barcelona cara ao exilio en Francia, ficando, como moitos outros, no campo de concentración de Argelès-sur-Mer. A súa muller, Amalia Carrillo, e os seus fillos, Mariña, Xosé e Fernando, atópanse neste momento en Orán, xunto coa irmá de Amalia, que ten nacionalidade francesa. A insistencia da súa cuñada ante o goberno de Vichy, fai que o trasladen ao campo de concentración de Relizane (Alxeria), onde se viu obrigado a traballar na construcción do ferrocarril a Tombuctú, por un tempo curto. Finalmente concédenlle o reagrupamento familiar e a liberdade no ano 1941. Planexan xa a viaxe a América, pero Gumersindo ponse en contacto coa Royal Air Force, ofrecéndose como aviador experimentado para loitar contra Hitler. Nunca obtivo resposta.
En Outono de 1942 embarcan no cargueiro Nyasa con destino Veracruz, México. Non foi posible convalida-la súa licenza de aviador e nunca mais volveu voar. Traballou como comercial de seguros e dependente de ferretería. Mantívose sempre fiel aos ideais republicáns, ata a súa morte no ano 1974, sen voltar a pisa-la súa terra.

¿De qué xeito quedaron grabados na memoria colectiva dos veciños da comarca estes feitos?, ¿Cómo expresaron ou manifestaron os sentimentos que lles provocaron?
Unha resposta a estas preguntas pode ser un orixinal hórreo emprazado no lugar de Adelán, na parroquia de Santa María de Guillar, no concello de Rodeiro. A peculiaridade do hórreo está nun dos remates do mesmo, que sustitúe o tradicional pináculo ou cruz por un aeroplán pilotado por un aviador. Trátase dunha figura sinsela, de liñas suaves, cáseque infantil. O mestre canteiro que a labrou, ben por iniciativa propia ou por mandado do propietario do hórreo, debía coñecer ben as fazañas de tan destacados conveciños e quiso, deste xeito, lembralos e, quizá tamén, expresa-la memoria colectiva, nun elemento tan típico da etnografía popular.

jueves, 6 de mayo de 2010

O CRUCEIRO DE OURÍN (RODEIRO, PONTEVEDRA)

Recentemente tivemos a ocasión de visitar este escepcional cruceiro do concello de Rodeiro. Atópase no lugar de Ourín, na parroquia de San martiño de Asperelo. Ten unha altura aproximada de 4m. A cruz levántase sobre un capitel de tradición corintia con anxos nos remates das follas de acanto. O fuste é circular e liso, apoiado nun cubo sobre un podium de dous escalóns. O anverso representa ao cristo crucificado con tódolos elementos da paixón, como a coroa de espiñas. O reverso mostra á Virxe María en posición de pregaria e cun anxo en cada un dos brazos da cruz sosténdolle a coroa. A coroa da virxe é unha peza de bronce, hoxe caida e recollida [por sorte] por un veciño do lugar.
O cruceiro atópase nun pésimo estado de conservación. Corre un grave risco de desplome, xa que a súa base cedeu e perdeu a verticalidade. Ademais, os líquenes e musgos invadiron a pedra de tal xeito que as imaxes están xa desfiguradas.
O señor concelleiro de cultura do concello, que nos acompañou na visita, quedou fondamente impactado polo seu estado de abandono. É de agradecer a sensibilidade que mostrou no tema, xa que nos consta que inmediatamente tomou as medidas oportunas para evitar o agravamento da situación e proceder a súa recuperación. Oxalá atopen cedo o financiamento suficiente para proceder a unha limpeza e restauración integral.

lunes, 9 de noviembre de 2009

Un paseo por Extremadura

A finais do pasado mes de Agosto tivemos a oportunidade de realizar unha interesante viaxe de 10 días a Extremadura, tendo a Badajoz capital como enclave de referencia, descanso e pernocta.
Xa vos adiantáramos fotos con algúns dos lugares que tiñamos visitado, pero sen deternos en mais profundidades.
Agora vos presentamos un estupendo artigo sobre a totalidade dos elementos do patrimonio arqueolóxico que tivemos a sorte de contemplar. Redactamos numerosos documentos explicativos dos xacementos, compusimos numerosas presentacións de diapositivas e recopilamos unha gran cantidade de enlaces na rede onde podedes atopar información ampliada e detallada sobre todos eles. E o mellor de todo, para facer mais axil e doado o seguimento destes elementos, colocámolos na súa posición exacta nun mapa de google maps a partires do cal podedes atopar toda a información.
Quedará para mais adiante, se cadra, outro artigo sobre os elementos do patrimonio Histórico, Artístico e Etnográfico (castelos, fortalezas, alcazabas, igrexas, capelas, conxuntos medievais, etc.) ou de conceptos xeográficos (morfoloxía e relevo, paisaxes agrarios, explotación dos recursos naturais, comunicacións, etc.) que tamén tivemos visitado e contemplado nesta viaxe.
Polo de agora, espero que este artigo sexa do voso interés.


Ver Un paseo por Extremadura en un mapa más grande

lunes, 31 de agosto de 2009

XA VOLTAMOS

Acabamos de chegar desta pequena viaxe e aquí tedes outra tanda dalgúns dos lugares que temos visitado. A ponte de Alcántara, impresionante; o encoro de Cornalvo, espectacular; o teatro de Medellín, un exempro a seguir; o dolmen de Magacela; o edificio orientalizante de 'La Mata', único; o pazo-santuario tartésico de Cancho Roano, sensacional; o arco romano de Cáparra, precioso.
Xa ampliaremo-la información.
Get the flash player here: http://www.adobe.com/flashplayer

martes, 25 de agosto de 2009

DE VACACIÓNS POR EXTREMADURA

Como non tedes noticias nosas dende hai semanas, mirade algúns dos sitios que temos visitado até o de agora.
Xa vos ampliaremos a información, destes xacementos-monumentos-BIC-elementos do Patrimonio Cultural.

O Menhir da Meada, situado 12Km. ao N. de Castelo de Vide (Portugal). Ten 7m. de outo e pesa unhas 20tm. o que o fai o maior da Península Ibérica.



















O encoro de Proserpina (Mérida), do século I dC.

















O Dolmen de Toriñuelo (Jerez de los Caballeros), dolmen tipo 'tholoi', con largo corredor e cúpula por aproximación. Declarado Monumento Nacional dende o ano 1926. Pese a que se atopa a 20m. dun camiño non se pode visitar por que se atopa nunha propiedade privada.¡Alucinante!

















O Dolmen de Carmonita (Carmonita, Badajoz).



















A Igrexa visigótico-mozárabe de Santa Cecilia del Trampal (Alcuéscar, Cáceres), do século VIII. Unha preciosidade.

viernes, 26 de junio de 2009

O Petroglifo do Lombo da Costa ou como cargarse un Monumento Nacional

Dende hai uns días, alomenos dende mediados da semana pasada, veño apreciando a apertura dunha pista de acceso ao aliviadeiro dun pequeno regato que atravesa baixo a N-541 á altura do Petroglifo do Lombo da Costa, Stª Mª de Sacos (Cotobade).
Dita pista abriuse con maquinaria pesada, retroescavadora, provocando unha forte remoción da cuberta vexetal ata deixar ao descuberto o sustrato e remexendo algunhas laxes e penedos.
Pero o mais importante é que dita pista afectou de xeito importante ao muro de mampostería de pedra e verxa de ferro que delimita o conxunto de laxes do Petroglifo do Lombo da Costa, declarado Monumento Nacional. Alomenos un treito duns 20m. de muro desapareceu e parece que algunha laxe da parte mais baixa do conxunto sufriu fortes agresións. O treito de muro desaparecido foi sustituido por un valado metálico de obra e unha cinta balizadora.
Descoñecemos a natureza e razón da apertura da pista. Descoñecemos quen ou quenes son causantes de tan bárbara desfeita.
Esperemos que os que teñen que velar pola protección e defensa do noso 'finito' patrimonio arqueolóxico se poñan as pilas e tomen as medidas oportunas para correxir esta desfeita, localizar aos responsables da mesma e aplicarlles as sancións civís e penais que contempla a Lei.

martes, 9 de junio de 2009

CONVENIO COLECTIVO DE ARQUEOLOXÍA EN GALICIA

Hoxe, Martes 9 de Xuño de 2009, publicouse no DOG o primeiro Convenio Colectivo da Actividade Arqueolóxica para a Comunidade Autónoma de Galicia.
Quero dar os meus parabéns a todos aqueles que contribuiron a conquerilo.
Síntome orgulloso polo que me toca.
Aquí tedes o texto completo, como quen dí: recén saido do forno.

domingo, 24 de mayo de 2009

LA PREHISTORIA PARA TODA LA FAMILIA: EL PALEOLÍTICO

viernes, 22 de mayo de 2009

UN POUCO DE AXUDA: CARTOGRAFÍA, MAPAS E SIG

Para todos aqueles que queirades colaborar na iniciativa de creación dun Catálogo de xacementos, achados e referencias do Patrimonio Arqueolóxico do concello de Pontevedra, da que falamos na entrada anterior deste blog e teñades dificultades á hora de localizar, situar or xeoreferenciar calqueira elemento, novo ou xa catalogado, ou, simplemente, non sepades onde atopar cartografía detallada do concello, imos facilitarvos un pouco as cousas.

Neste pequeno artigo imos comentar sucintamente algúns dos portais da rede mais utilizados para ver e obter cartografía, mapas, ortofotos, etc. Son todos páxinas de administracións públicas, de acceso libre, e manexo mais ou menos sinselo.

O PORTAL DO IGN

O Instituto Geográfico Nacional, dependente do Ministerio de Fomento, conta cun xeoportal completísimo onde podemos atopar cantidade de recursos e ferramentas, tanto relativos á cartografía como a outros aspectos da xeografía. http://www.ign.es/ign/es/IGN/home.jsp

A ferramenta mais destacada do portal é o servidor de mapas e imáxenes, iberpix. Trátase dun visor cartográfico de todo o territorio nacional onde se superpoñen, xeoreferenciados, os mapas do IGN a escalas 1:1.000.000, 1:200.000 e, 1:25.000, así como ortofotos (con moi boa resolución ata 10m. x 1cm.) e fotografías de satélite. http://www.ign.es/iberpix/visoriberpix/visorign.html

Un recurso destacado do portal é o Sistema de información geográfica nacional (SIGNA), que permítenos construir o noso propio mapa engadindo ou sustraendo as distintas capas de datos en que se estructura a información. Ademais permite a exportación e importación de metadatos para completalo noso mapa. http://www.ign.es/website/ign0212/viewer.htm

Outro dos recursos útiles do portal é CartoCiudad, rueiro, información postal e censal de todo o territorio nacional. http://www.cartociudad.es/visor/

O PORTAL IDEE


Dende a páxina anterior podemos aceder ao portal IDEE, do Consejo Superior Geográfico do Ministerio de Fomento, http://www.idee.es/show.do?to=pideep_pidee.ES onde se atopa a infraestructura de datos espaciais de España. O obxetivo do portal é integrar, a través da rede internet, os datos, metadatos, servicios e información xeográfica que se producen en España a nivel nacional, rexional e local. Conta cun visualizador de mapas, amplios catálogos e posibilidades de descarga. Ademais ten multitude de recursos: xeradores de mapas de análise do territorio, ocupación do chan, análise do relevo, etc. Dende este portal temos acceso aos xeoportais daquelas comunidades autónomas que contan con este servicio.

O PORTAL DO SITGA-IDEG

Trátase do portal do sistema de información territorial de Galicia (SITGA) que conta coa infraestructura de datos espaciais de Galicia (IDEG). http://sitga.xunta.es/sitga O mais destacado do portal é o seu potente visor cartográfico http://sitga.xunta.es/sitga/indexmapa.asp de todo o territorio da comunidade autónoma e onde se superpoñen, xeoreferenciados, distintas fotografías de satélites, ortofotos e fondos tipo raster. Ademais, a información está incorporada en capas que podemos visualizar, ou non, segundo os nosos intereses. Podemos incluso importar metadatos xeoreferenciados doutros servidores (Catastro, IDE-España, Intergraph World Map, etc.) e engadilos en novas capas. Ainda que mellorou moitísimo dende a súa posta en funcionamento, hai algúns anos, ainda é preciso contar cun bo número de 'plugins' e controis 'active x' para o seu correcto funcionamento.

O portal conta con outros recursos de gran utilidade, especialmente a colección cartográfica íntegra de Galicia a escala 1:5.000, en formato .pdf que podemos descargar de xeito gratuito; así como outros productos cartográficos. Temos un localizador de toponimia e un xerador de mapas temáticos predefinidos (comunicacións, hdrografía, litolóxico, usos do solo, etc.), en conxunto coa ferramenta do visor cartográfico.

O SIGPAC e O SIXPAC

Son os sistemas de información xeográfica mais coñecidos e utilizados. O primeiro, orixinalmente creado polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, e hoxe depende do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, está adicado básicamente ao control das axudas da PAC (Política Agraria Común) da CE. http://sigpac.mapa.es/fega/visor/ Funciona como rexistro gráfico da realidade agrícola de todo o territorio común, pero por extensión, empléase para comprobar realidades de todo tipo sobre actuacións no territorio de toda España. Limítase a mostrar ortofotos (en formato raster) e datos catastrais (en formato vectorial). A isto engádese, para unha mellor orientación, mapas a diversas escalas, superpoñéndose á ortofoto (sendo 1:25.000 a escala do mapa mais detallado).

O segundo está xestionado polo FOGGA (Fondo Galego de Garantia Agraria), dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. http://emediorural.xunta.es/visor5/ Trátase dun visor cartográfico semellante ao anterior, coas mesmas características, ainda que as ortofotos utilizadas teñen maior resolución e son mais actuais.

O PORTAL DA OVC

Outra das ferramentas mais importantes coas que contamos na actualidade para xeoreferenciar o teritorio é o portal da Oficina Virtual do Catastro (OVC), da Dirección General del Catastro, dependente do Ministerio de Economía y Hacienda. http://ovc.catastro.meh.es/ Co acceso libre aos datos catastrais non protexidos podemos obter valiosísima información de cáseque todo o territorio nacional (algúns concellos ainda estan en proceso de actualización), tanto rústica como urbana, sobre usos do solo, superficies, referencias catastrais, números de parcelas e polígonos, etc. Tamén utiliza como fondo ortofotos tipo raster.
O PORTAL DO COAG

A derradeira das páxinas que imos comentar é o portal do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), onde se poden consultar os plans urbanísticos de todos os concellos de Galicia, tanto os textos lexislativos como os planos de desenvolvemento. Neste caso non se trata dun sistema de información xeográfica, nin dun visor xeoreferenciado, os planos aparecen en formato .jpg e pódense consultar e descargar como unha foto. http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/ A importancia do portal radica na enorme cantidade de información que conteñen os planos de desenvolvemento urbanístico dos concellos, así como a facilidade de acceso aos mesmos.

Si estades interesados no tema dos sistemas de información geográfica e queredes ampliar a información aquí apuntada, podedes consultar a entrada 'SIG' na wikipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Sistema_de_Informaci%C3%B3n_Geogr%C3%A1fica onde tamén existen enlaces para ampliar información e unha amplia bibliografía.



Ainda mais, non vos preocupedes, aquí tedes a cartografía do concello de Pontevedra a escala 1:5.000, en formato .pdf Espero que vos sexa útil.

lunes, 18 de mayo de 2009

O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

O concello de Pontevedra conta cun rico e variado Patrimonio Cultural, espallado desigualmente por todo o seu territorio, tanto na cidade como nas parroquias. Dende os momentos iniciais da nosa prehistoria ata as épocas mais recentes da nosa historia, os grupos humanos asentados no concello ou que o percorreron, deixaron a súa pegada (xacementos, monumentos, restos materiais, etc.), coñecida nalgúns casos pero oculta ou esquecida en outros moitos.
O Patrimonio Histórico, Artístico, Etnográfico e Arqueolóxico foi desigualmente catalogado polas Administracións Públicas (local, autonómica e central) co fin de proceder ao seu coñecemento, conservación, divulgación e posta en valor. Os catálogos de bens a conservar recollidos no PXOU de Pontevedra, así como os diversos Inventarios da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, son exemplos do anterior.
A iniciativa que agora vos propoñemos é a construcción colectiva, aberta e pública dun catálogo exhaustivo de elementos patrimoniais, para o que poñemos a vosa disposición unha serie de ferramentas (mapas, planos, formularios, fichas de consulta, etc.) na rede, que utilizaremos para engadir, ampliar ou correxir a información relativa a ditos elementos. Todos podemos participar aportando datos, fotos, debuxos, croquis; redactando ou correxindo as fichas dos elementos incorporados ao catálogo; elaborando análises ou estudos, mais ou menos ambiciosos, sobre calqueira aspecto relacionado cos elementos catalogados. Será, en fin, un foro participativo e divulgativo. Un xeito novo de dar a coñecer e poñer en valor o noso Patrimonio Cultural.
Comezaremos polo Patrimonio Arqueolóxico do concello de Pontevedra, a partires do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Pero, como introducción, fagamos antes un pouco de historia, mellor dito, prehistoria.




Ver Arqueoloxía:PO:Pontevedra en un mapa más grande